Visións XX

luns 23 decembro 2013

Esquecíame destas longas liñas rectas cheas de signos inintelixibles, lixeiros trazos negros sobre un fondo branco resplandecente. Porque a angustia remata por desembocar no desinterés, e a desgana avanta como as sombras desprendidas das nubes pasaxeiras. E todo semella pasaxeiro salvo a tristeza dos días coas súas noites, dos espertares intrascendentes, dos horizontes valeiros.

Quixera falar nunha língua xorda, e falar polos camiños ó meu antoxo, polas rúas, polos atallos, polas canellas, de paso, sempre de paso. Porque ninguén me entendera, porque os oídos foran canles de sensacións, ferramentas só para a interpretación sinfónica da vida. Quixera falar sen que se me escoitara, en todas esas ocasións nas que sei que non digo nada. E o cuspe na boca pechada sería coma ouro no peto; eu, na miña esquizofrénica existencia.

Máis tarde divaguei nos pasados descoñecidos. Cómo quixera ver cos ollos dos nosos devanceiros, pois só os ollos que viron permitiron imaxinar; xa que eu non vin vivo no descoñecemento máis frustrante. Os camiños..., non, eran os camiños cheos de lama con carros tirados por bois, cargados de madeira, destino do aserradeiro. Sen pontes que salvan desniveis, con pasamáns, beirarúas e farolas de vermes de luz “eléctrica”, e non candiles de gas ou velas de cera derretida. E non vivían na escuridade; son eu quen vive na penumbra porque non atopo a luz.

Penumbra e sombras revestidas de coches que pasan sen máis; xa que ninguén lles pregunta o destino pasan á presa, xa que tal vez non saben onde van eu tampouco me paro a miralos, porque coa chegada da noite xa non son coches senón dous faros que se desprazan velozmente, no momento que dúas mozas cruzan a rúa correndo evitando as luces que se achegan. Eu tamén quero correr e choutar, síntoma de ledicia desbordada, pero os meus pés siguen presos do cemento. Cheguei á esquina na que comeza a longa rúa que me levará á miña casa. Na soidade da noite as dúas mozas falan algúns metros máis alá. Non son capaz de delimitar os contornos na distancia, pero cando me achego un pouco máis e levanto novamente a mirada, unha cara coñecida evita o eclipse que provoca o corpo da moza que está de espaldas, á vez que me mira e sorrí.

Non recordo nun primeiro momento quen pensei que sería, mais os últimos pasos que me conduciron ante a súa presencia desveláronme a beleza daquel rostro resplandecente, lixeiramente cuberto pola súa longa melena negra. Qué facía eu por alí, preguntábame, tras regalarme dous bicos quentiños na fría intemperie da noite. Qué importa o que eu poidera decir. Qué máis dará se me deixei levar pola súa conversa intranscendente. Ninguén quedará sen dormir porque non tivera máis habilidade que botar man de lugares comúns. E mentres, aquelas palabras doces, aqueles pareceres apropiados, aquelas sensacións adolescentes, a emoción dun voltar a vernos. E tal como empezara rematou, dispoñendo que cada un deberíamos irnos a cear ás nosas casas, despedíndonos entre sorrisos e coa firme intención de reencontrarnos.

Decía a canción: “que tu pena fuera sólo por mi culpa, que mi culpa fuera sólo por amor...” Se esta noite alguén se quedara desvelada, que fose ela, pensando en min, xa que eu soñarei co seu nome queimando nos meus beizos.






Enviar un comentario

Nome:
Correo electrónico:
URL:
O teu comentario:

sintaxe html: deshabilitado