E cando miras non é a min

luns 08 febreiro 2016

Unha chamada muda dende a distancia, angustiosa, atormentada. Un reclamo baixo as luces de cores que alumean a festa. A música soa desinteresada, allea ós sentimentos. Unha mirada persistente, que trata de esquivar ás parellas que bailan alegremente ó son da orquestra. Unha ollada que non alcanza á destinataria desexada, incapaz sequera de rozar a súa indiferenza. Unha infinidade de recordos doces e resplandecentes sucédense na súa memoria. Recordos doutro tempo que unira as súas vidas e que vencellara temporalmente os seus destinos. El, na infinita soidade dun planeta esquecido que vaga sen rumbo a través do universo. Afastado, alleo, unha alma invisible que agarda a eternidade, triste e desesperanzado. Volto a mirada discretamente e atópoo inmóbil, na mesma posición, impasible. Na fría noite que nos acolle, lanzo un prolongado alento desexando que o alcance e que agarime o seu desamparo. Ela semella estar contenta, despreocupada, desfrutando da compañía que lle outorga unha compañeira, destino das miñas miradas furtivas. Oculta entre a multitude que se aglomera xunto a orquestra evita ollar máis alá da xente que a rodea. Fala, sorrí, por intres baila. Ergo os ollos por enriba das cabezas, evito algún que outro corpo opaco que se interpón no meu ángulo de visión ata alcanzar a súa presencia. Nada nela da sinais de intranquilidade. A elegancia coa que se mostra contrasta coa simplicidade da vestimenta que porta el. Desvío interesadamente a mirada cara a compañeira: o rostro atractivo, o pelo negro recollido nunha coleta sinxela, vestimenta informal, seguridade nos movementos, e desprendendo unha sensualidade que percibo na distancia, ata que o animado baile dalgunha parella se interpón repentinamente. A música soa sen tregua. Os cantantes aparecen e desaparecen do escenario sen un criterio apreciable. Bailan coreografías, animan ós asistentes, cantan cancións de versos pegadizos. A melodía instálase na cabeza dela, á vez que o seu pensamento se despraza moi lonxe respecto a onde se atopa fisicamente. Alá, noutra galaxia distinta á nosa vía láctea, un home define en tódolos seus extremos as características que ela ansía. Un home que a fai sorrir, que esperta a súa feminidade adormecida por anos de apatía amorosa, que lle fai latir o corazón coa simple mención do seu nome. Unha chama prendida que comeza a quentar un futuro esperanzador, fronte a un pasado do que só queda fume; un fume branco resultado dunha relación que quedou seca tralo paso do tempo. Pero hai veces nas que o seu pensamento se establece no presente e a inquietude apértalle no peito. Sente que o home desexado está preto pero non se achega, está visible pero distante, levan o mesmo camiño pero de xeito paralelo, sen perspectivas de cruzarse. A longa noite vai esgotando a paciencia del. Desaparecer para sempre como se nunca houbera existido. Nacer de novo noutro mundo máis agarimoso, no que atopar á compañeira desexada e no que o amor durase eternamente. E descoñecer ese feito innecesario que esixe poñerlle á vida o adxectivo de cruel. E tras deterse nesta reflexión, levanta a mirada do chan e nun intre ve a ela, ó lonxe, entre a xente, falando coa compañeira. E pensa: “E cando miras, non é a min. E se te chamo, non me respondes” Mentres ela lle está dicindo á súa compañeira en relación ó home co que soña: “E cando lle falo, non me escoita. E cando lle toco, non sente nada” A orquestra está recollendo os instrumentos. A festa rematou. A frialdade apoderouse do ambiente. Algo antes mirei para atrás e el xa non estaba. Agora son ela e a compañeira as que desfilan entre a xente de volta á súa casa. Ó pasaren ó meu lado, xiro a cabeza afastando os meus ollos da conversa na que me atopo, buscando a complicidade da mirada da compañeira. Pero prosegue o seu camiño imperturbable, simulando que non se decatou da miña presencia. En fin, malos tempos para a lírica. E penso: “E sempre buscamos a quen realmente non nos busca”.






Enviar un comentario

Nome:
Correo electrónico:
URL:
O teu comentario:

sintaxe html: deshabilitado