Día alto, noite peche

mércores 30 outubro 2013

Outono a través da néboa nas mañás minguantes.

Un sol serodio que pendura do cumio do ceo

espalla mornos raios pola arrepiada terra mollada,

chamando ás portas da herba fresca que habería de agromar.

 

Aínda quedaba unha flor esquecida da primavera

vestida de pálidas cores, na súa indiferenza,

erguéndose sobre un manto verde de melancolía,

ausente, allea a calquera sinal de estima.

 

Mentres, entusiasmadas follas amarelentas

semellaban alcanzar por fin a súa liberdade,

voando ó son melódico emitido polo vento.

Efémera viaxe na curta tarde

antes de rematar afogadas nalgún charco do camiño

ou pisadas polos chancos do desarraigamento.

 

Sombras de presencia alongada

esvaecéronse coma fume de cigarro,

e nada quedou onde nada había,

ninguén deixou recado por se houbera que agardar,

na intolerable soidade da terra estéril,

onde o frío sae a patrullar polos lindeiros da noite.

 

Lembranzas engulidas por un burato escuro,

desexos anegados por esa obstinada indolencia.

 

Porque onde antes había algarabía

móstrase agora un silencio diáfano,

sen raíces que sosteñan esperanzas,

nin soños que impidan o letargo.

 

Recordos no pensamento de días altos

onde agora tristemente hai noite peche.

No permanente asedio ó que me enfronto,

só a luz da súa mirada é quen me alenta.

 






Enviar un comentario

Nome:
Correo electrónico:
URL:
O teu comentario:

sintaxe html: deshabilitado