Camiñamos

venres 24 abril 2015

Na soleada mañá camiñamos;

na fresca alba alentadora.

O orballo delata as nosas pisadas

sobre a herba que medra no vieiro.

A invisible corda que nos ata

mantén preto os nosos pasos,

achéganse os sentimentos,

vencéllanse as ilusións.

O sol brillante alumea no ceo,

agarima ós brancos bidueiros

aínda carentes de follas,

debuxa sorrisos nos arrogantes carballos,

mentres as amarelas vimbieiras

agroman agardando a primavera;

e os salgueiros saúdan

co murmurio da auga ós seus pés.

Camiñamos sen destino,

ó ritmo que marcan os latidos

de dous corazóns entusiasmados,

empuxados cara o precipicio

da inconsciencia do amor,

en calquera mañá da vida,

viaxando a través dos soños,

coa intención de soñar espertos.

Flores brancas e amarelas

érguense sobre o manto verde.

Na súa precaria existencia

acaparan a nosa atención,

pero o teu xesto diverxe,

a túa mirada entristece,

quixeras atopar o campo

ateigado de “amapolas”

Entón o campo enmudece,

as humildes flores murchan,

carentes da luz dos teus ollos,

da humidade dos teus beizos.

Quixeras ver todo vermello,

quixeras ver todo florido,

nesta mañá que nos leva

cara o futuro que agarda.

Eu que inxenuo pretendía

cativarte cun ramo de lirios,

co violeta das flores das fopas

e o amarelo das carqueixas,

co doce aroma do azar,

e co recendo do xasmín...

Mais ti mergullada no púrpura

devezas polas “amapolas”.

Proxectas a luz que nos ilumina,

envexa do sol que nos acende.

O vento que axita o teu pelo,

déitase na herba verde,

fai rexurdir o teu agrado

e alivia o meu desencanto.

A miña esperanza florece

co teu sorriso relucente.

Quérome ver nos teus ollos,

enredarme no teu cabelo,

encherme da túa mirada.

Seguíndote neste sendeiro,

agora agardas por min,

coa chamada nos teus beizos,

coma un bico itinerante,

nesta bendita mañá. Camiñamos.

 






Enviar un comentario

Nome:
Correo electrónico:
URL:
O teu comentario:

sintaxe html: deshabilitado